Xuventudes Socialistas acorda en Poio que o seu próximo secretario xeral se elixirá por Primarias
Por Natalia Puga
Aitor Boiuza, estudante de Dereito de 21 anos, é o novo responsable de Xuventudes Socialistas de Galicia dende este sábado. Serao durante os próximos catro anos e, ao termo dese período, o seu substituto será elixido utuilizando un método novo, Primarias.
O XIV Congreso de Xuventudes Socialistas de Galicia celebrado no centro cultural Xaime Illa de Raxó durante este fin de semana acordou modificar o regulamento e instaurar o método de Primarias para incentivar a participacion da militancia e "ir máis alá de lemas como un militante, un voto".
A elección de Aitor Bouza polo 96,05% dos votos produciuse despois de que se retirase a candidatura do seu opoñente, Chema Castrillo. A pesar de que tan só quedaba unha lista, o novo secretario xeral pediu que a votación se realizase en urna.
A votación non estivo exena de polémica. Malia que Aitor Bouza sinalaba este domingo que todo se desenvolvera con normalidade, a candidatura encabezada por Chema Castrillo denunciou que o 45% dos delegados presentaron un escrito ante a Mesa do Congreso no que solicitaban a impugnación e repetición do congreso por considerar que "se produciron unha serie de irregularidades que vulneran os dereitos dos militantes da organización".
A candidatura de Castrillo indicou que ese 45% dos delegados se corresponde con representantes de 20 das 55 agrupacións de Xuventudes Socialistas de Galicia e denuncia que unha das "irregularidades" do congreso foi "a decisión adoptada pola Mesa, a petición da representante da dirección federal das Xuventudes Socialistas de España, de non permitir que se acreditasen na tarde do sábado sete delegados".
Aitor Bouza recibiu este domingo o respaldo o secretario xeral do PSdeG, Pachi Vázquez, que acudiu a Raxó para clausurar o congreso e trasmitió as súas "verbas de felicitación" ao novo responsable da agrupación xuvenil e ao congreso, que "senta ás bases" do "futuro inmediato" do socialismo galego, que pasa por "achegarnos á xente".
Pachi Vázquez aproveitou o seu comparencia ante os medios para manifestar o seu "orgullo" de que o PSdeG lograse converterse na "espoleta" das Primarias do PSOE e asegurar que non hai "a máis mínima duda"de que Galicia será a primeira autonomía en elixir o seu novo líder por este método tras o acordo do Comité Federal.
O líder dos socialistas galegos aplaudiu que a partir de agora "todas as federacións de España terán nos estatutos esta proposta" de Primarias e contrapuxo esta circunstancia coa política de designación de líderes utilizadas polo PP, do que asegura que elixe os dirixentes por "herencia rigorosa", sendo o máximo expoñente de tal circunstancia o líder ourensano José Luis Baltar e o seu fillo José Manuel Baltar.