O PP solicita a retirada dun poste no medio da beirarrúa en Raxó e pide "un punto limpo para Poio"
Por Redacción
A concelleira do PP de Poio para urbanismo, Rocío Cochón, solicitou na pasada comisión de urbanismo a retirada dun poste dunha "perigosa instalación eléctrica" que provocou as queixas de varios veciños e que se atopa na contorna da farmacia de Raxó.
Cochón explicou que esta instalación atópase nun estado moi precario no medio da rúa, fronte a unha obra paralizada na Avenida Outeiro.
Ademais, os representantes do PP trasladaron outras peticións á comisión de urbanismo. En primeiro lugar, comunicaron que nunha parcela na Caeira, propiedade dun veciño particular, na que se atopan contedores de obra e na que orixinalmente se depositaban cascallos e outros refugallos dunhas obras, actualmente "está a servir como vertedoiro improvisado de toda a zona".
Os populares, ademais, volveron a preguntar cando se faría efectivo o desdobre do vieiro que atravesa esa zona da Caeira, xunto ás rúas Río Umia e Río Sil.
Por último, os representantes do PP na comisión recordaron a necesidade urxente de poñer a disposición dos veciños un punto limpo en Poio.