San Vicente de Cerponzóns está de aniversario este 30 de marzo: 999 anos
Por Redacción
San Vicente de Cerponzóns cumprirá mil anos o 30 de marzo de 2019, segundo os estudos realizados polo cura párroco Manuel Míguez en relación con esta parroquia pontevedresa. Un documento do rei Alfonso V confirmaba a súa existencia en 1019 con posesións da diocese de Santiago. Esta documentación foi atopada nos Tumbos da Catedral compostelá.
Desde a asociación de veciños O Chedeiro quérese festexar a celebración deste 999 aniversario coa recuperación de dous cruceiros que hai anos se atopaban na parroquia. Por este motivo van emprender un proxecto de dinamización cultural. Grazas á colaboración da Deputación provincial, a Escola de Canteiros da Caeira elaborará dous cruceiros que serán instalados en dous lugares de Tilve, nas proximidades de onde se atopaban os orixinais.
Un deles era o coñecido como cruceiro de Mogos, segundo recóllese na revista que edita a asociación socio-cultural Cedofeita de Lérez. Nos pés da construción de pedra enterrábase aos nenos que morrían sen ser bautizados. Relátase tamén que as procesións se facían entre a igrexa e o cruceiro. Segundo algúns veciños de Cerponzóns, o monumento relixioso foi estragado durante a guerra civil.
O cruceiro da Chanciña atopábase nunha vía que era empregada para ir cara ao lugar da Bouza e do muíño do Caeiro, ademais este camiño levaba ata a parroquia de Verducido. Os avós dalgúns dos veciños de máis idade lembran que cando se celebraban as festas patronais de Verducido por esta zona pasaban os homes da parroquia portando ao lombo o órgano da igrexa de Cerponzóns ata a parroquia veciña. Tamén a este cruceiro chegaba a procesión do Santísimo e o cura pronunciaba a súa homilía nese punto. O último que se lembra é que perdera a cruz e soamente mantíña a base e a vara.