Borela estrena a primeira pista de petanca do municipio
Por Redacción
O Concello de Cerdedo-Cotobade acaba de rematar a construción da nova área recreativa e de lecer da parroquia de Borela, construída ao abeiro do Plan de Creación e Mellora de Parques Infantís e que inclúe a primeira pista de petanca do municipio. Por mor da conclusión dos traballos, o presidente municipal, Jorge Cubela, e o concelleiro Bruno Portela regresaron á parroquia a visitar esta nova instalación apenas uns días despois de comprobar o resultado final do acondicionamento de viais nesta contorna.
Os traballos no recinto de Borela, situado detrás da Casa do Pobo, comezaron coa construción dunha ampla soleira de formigón nunha superficie duns 120 metros cadrados e incluiron a dotación de elementos, xogos e mobiliario homologados e adaptados á normativa. Así, instaláronse bambáns, un balancín, un tobogán multixogos, un parque biosaudable, mobiliario consistente en bancos e papeleiras e unha pavimentación acolchada para diminuír os efectos de posibles caídas. Así mesmo, construíuse nunha zona anexa unha pista de petanca, a primeira do concello, ante o interese de bastantes veciños da parroquia por esta práctica.
Esta actuación enmárcase nun paquete orzamentado en 80.000 euros e que contempla, ademais da construción deste recinto, os das parroquias de Viascón e Santa María de Sacos, que comezarán proximamente e que lle darán continuidade ao Plan de Creación e Mellora de Parques Infantís. Ao abeiro do mesmo, actuouse nos últimos meses en Vilanova, Carballedo, Caroi e Cerdedo e xa se plantexan máis actuacións en Tenorio e Valongo.
"Estamos moi preto de pechar o círculo das áreas infantís e de lecer en todo o concello e ademais o estamos facendo cuns altos niveis de calidade, xa que o recinto de Borela é magnífico e ademais vén acompañado dunha pista de petanca que ben seguro que vai contar cunha ampla demanda", detallou Cubela, que cifrou en case 150.000 euros os investimentos en Borela no último ano co Plan de Mellora de Vías, o proxecto de arranxo de camiños en Pazos, o reforzo da seguridade na zona da igrexa cunha longa barandilla de madeira, a rehabilitación de fontelavadoiros ou a limpeza de fincas para a prevención de lumes forestais.