A Xunta repón o límite de velocidade a 50 quilómetros por hora na PO-226 ao seu paso por Meira
Por Oskar Viéitez
A conselleira de infraestruturas, Ethel Váquez, informou por carta ao alcalde de Cuntis da reposición dos límites de velocidade a 50 quilómetros por hora na PO-226 ao seu paso por Meira.
A misiva foi remitida o pasado 13 de marzo e nos últimos días foron repostas as sinalizacións que limitan a velocidade.
Ethel Vázquez responde deste xeito á solicitude trasladada polo rexedor na entrevista do pasado 20 de setembro. "Tras a entrevista, dei traslado desta solicitude á Axencia Galega de lnfraestruturas como encargada da explotación das estradas autonómicas", sinala a conselleira.
Desde o punto de vista das recomendacións técnicas en canto a limitación de velocidade en tramos urbanos a limitación a 50 qm/h non sería de aplicación deste tramo, "e por isto no seu momento desde o punto de vista técnico aplicouse unha de 70 qm/h", xustifica a responsable autonómica da rede de estrada.
"Con todo, e considerando a especial configuración da estrada neste treito en canto ao seu trazado así como a presenza de edificacións, adoptouse finalmente a decisión de limitar a velocidade a 50 qm/h", xustifica a conselleira.