Renovación "de entidade" para os xardíns da Praza de Galicia e Augusto García Sánchez
Por Alejandro Espiño
A empresa Ferroser será a encargada de renovar de maneira integral as zonas verdes da Praza de Galicia e a avenida Augusto García Sánchez. Os traballos, nos que se investirán 51.802 euros, executaranse durante o próximo mes e medio.
O portavoz do goberno municipal, Raimundo González, explicou que esta actuación permitirá mellorar o estado dos paseos centrais da Praza de Galicia, onde se levantará parte do pavimento de xabre e colocaranse novos materiais para que o firme poida drenar en condicións.
Ademais, farase unha renovación "de entidade" nas zonas verdes, os macizos de flores e a decoración ornamental.
Volverá sementar o céspede e aumentaranse as flores, na actualidade maioritariamente hortensias, plantando especies gramíneas, herbáceas e plantas con flor.
A mellora deste ámbito urbano estenderase aos pequenos parterres da avenida Augusto García Sánchez, entre Alcalde Hevia e a praza da Liberdade.
Trátase dunha das iniciativas pactadas coa asociación de veciños de Campolongo e a Federación Castelao nos orzamentos municipais de 2018.
Estes traballos non afectarán o tráfico ou aos aparcadoiros, salvo movementos puntuais da maquinaria precisa para executar os traballos.