O programa "Caldelas Viaxa" arranca cunha excursión de dous días a Porto, Figueira e Coimbra
Por Redacción
O programa "Caldelas Viaxa" inclúe este ano seis excursións e comeza cunha saída con pernocta, que volverá ser en Portugal e terá paradas en Porto, Figueira da Foz e Coimbra.
O goberno local ten pechados case todos os detalles dun programa que afronta a súa terceira edición e no que participan máis de mil persoas ao ano. Nesta nova edición fixouse o tope de 160 persoas por saída.
A primeira excursión será durante a fin de semana do 14 ao 15 de abril e, ao incluír pernocta, ten un prezo de 70 euros. Ten prevista unha primeira parada en Porto (con comida nun restaurante e visita guiada), noite nun hotel de Figueira da Foz con pensión completa e parada durante o traxecto de retorno en Coimbra.
O prazo de inscricións para esta primeira viaxe ábrese o próximo martes, 20 de marzo, e péchase o 6 de abril. Cómpre facela no Concello en horario de 9 a 14 horas. Para inscribirse é necesario estar empadroado en Ponte Caldelas.
O Concello mantén a súa política de prezo público limitado ao custo da comida en ruta e asumirá o resto dos gastos. Non obstante, continuará esixindo o depósito previo desta cantidade, que só se devolverá en casos debidamente xustificados e comunicados con suficiente antelación para que a praza poda ser cuberta por outra persoa en caso de baixa.
A outra novidade deste ano é que as inscricións limítanse a 5 prazas por persoa para facilitar o acceso de toda a veciñanza e corrixir algunhas queixas que se producían polo rápido esgotamento das prazas o ano pasado con inscricións simultáneas.
O equipo de goberno está pechando os destinos das cinco excursións restantes, aínda que anticipa que non se repetirá ningún dos xa visitados nas dúas primeiras edicións do programa. O obxectivo é seguir descubrindo lugares de Galicia mesturando pobos con encanto con lugares de alto interés natural ou paisaxístico.