Ponte Caldelas quere irmandarse coa localidade portuguesa de Vila Verde
Por Redacción
A sede da Cámara Municipal de Vila Verde foi o escenario dunha xuntanza entre as autoridades locais portuguesas e o alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, co obxecto de pechar un calendario de actuacións que culmine coa irmandade oficial entre os dous municipios, que comparten o topónimo Barbudo nunha parte do seu territorio.
O alcalde estivo acompañado de tres veciñas desta parroquia, María del Carmen Cabanelas Montero, María José Custodio Martínez e Estela Álvarez Rodríguez, como embaixadoras do Barbudo caldelán.
A xornada consistiu nunha xuntanza de traballo na Cámara, unha comida de confraternidade e unha visita ao Centro de Dinamización Cultural de Vila Verde, onde se expoñen todos os produtos da marca rexistrada "Namorar Portugal", que tamén funciona como imaxe corporativa de Vila Verde.
A intención é avanzar nos trámites administrativos para acadar unha irmandade efectiva no ano 2018, aproveitando as subvencións que concederá a Unión Europea no marco do programa "Europa para os Cidadáns". Para elo é necesario presentar un proxecto baseado nos lazos de irmandade e nun intercambio social, económico e cultural sostido.
Os dous concellos organizarán, a partires de agora, visitas recíprocas dos seus veciños. Os lusos estarán en Ponte Caldelas durante a Festa da Troita e a Festa Gastronómica da Emigración. Os caldeláns acudirán a Portugal na Festa das Colleitas, a primeiros de outubro. Por outra banda, barallouse que os comerciantes de ambos municipios poidan participar nas actividades feirais organizadas por ambos concellos a prezo local. Finalmente, falouse da posibilidade de que os máis de 100 produtos da marca “Namorar Portugal”, entre eles os coñecidos como os "lencinhos de amor", podan formar parte dunha exposición no Centro Cultural de Ponte Caldelas.
O pleno caldelán aprobará a declaración de irmandade con Vila Verde e remitirá o acordo á Federación Española de Municipios e Provincias. Ao outro lado da raia realizaranse os trámites equivalentes. Entre medias irase constituíndo o proxecto, recollendo tamén todas as actividades realizadas, para presentar diante da Unión Europea.
Andrés Díaz manifestou a súa sorpresa polo feito de que a amizade entre os dous Barbudos, que comezou no ano 2004 non se tivera oficializado ata o de agora por falta de interese municipal. Unha amizade que comezou cando Luciano Barros, un veciño desta localidade do norte de Portugal se presentou para coñecer aos veciños desta parroquia caldelán. A partir de aí trabáronse uns vínculos que foron crecendo co tempo.
Durante a visita constatouse que as coincidencias na toponimia non só se circunscriben a Barbudo, pois existe tamén a freguesía de Ponte (San Vicente de Ponte Caldelas), unha antiga citania romana coñecida como San Xulián de Caldelas e a aldea de Caldelas, ás beiras do río Homen.
Vila Verde é unha entidade local con 48.000 habitantes e unha superficie de 228 quilómetros cadrados. Como todo o territorio portugués experimentou significativamente a reforma administrativa que supuxo a fusión municipal acordada polo goberno portugués en 2003. Deste xeito pasou de 58 a 33 freguesías. Entre as fusións realizadas está, precisamente, a das freguesías de Barbudo e Vila Verde (sede da Cámara Municipal), que pasaron a chamarse Vila Verde-Barbudo.