Educación licita obras por máis de medio millón de euros no colexio Santa Lucía de Moraña
Por Redacción
A Consellería de Educación licita a obra de rehabilitación enerxética do CPI Santa Lucía de Moraña, por un importe de 547.533 euros e un prazo de execución de tres meses, tal como publica este mércores o Diario Oficial de Galicia.
Os traballos supoñen unha reforma integral, enerxética e funcional do centro, que precisa dunha actuación para dotar de maior confort aos usuarios e acadar un aforro nos custes de mantemento derivado dun menor consumo de luz e calefacción.
A actuación está cofinanciada con fondos FEDER e abrangue o illamento térmico da fachada exterior, a instalación de calefacción por biomasa, e a substitución das actuais luminarias por equipos de alta eficiencia enerxética.
Todas estas medidas combinadas suporán un aforro enerxético estimado anual do 84,3%.
A maiores, tamén se procederá á substitución das carpintarías en mal estado, verteaugas, vidros e proteccións solares e á reparación e pintado de paramentos interiores.