A Garda Civil investiga á presunta autora do roubo dun cadro nunha vivenda deshabitada na Lama
Por Redacción
A Garda Civil investiga unha veciña de Pontevedra polo suposto roubo dun cadro que fora subtraído recentemente no interior dunha vivenda deshabitada no municipio da Lama.
Segundo informaron fontes oficiais do instituto armado, trátase dun cadro que representa a imaxe da Virxe de Guadalupe tallada en prata, valorado en algo máis de 2.000 euros, que se atopaba xunto con outros aveños nunha vivenda cuxo propietario reside desde hai varios anos no estranxeiro.
O inmoble, que se atopa situado nunha parroquia do municipio da Lama, presentaba evidentes signos de forzamento en portas e xanelas e, a falta dunha denuncia expresa por parte do seu dono, que foi quen informou da existencia do cadro, non se descarta que subtraesen máis efectos.
O cadro foi recuperado polo equipo de investigación da Garda Civil pertencente á compañía de Pontevedra nunha tenda de antigüidades da comarca, onde o levaron dúas mulleres para unha suposta taxación.
Seguindo esta liña de investigación, a Garda Civil puido localizar e identificar á persoa que o levaba, tratándose dunha veciña de Pontevedra, de 43 anos, a quen se lle notificou a súa condición de investigada pola suposta comisión dun delito de roubo.
As dilixencias instruídas entregáronse no xulgado de instrución de garda de Pontevedra.