Máis de 5.000 euros en multas polo ataque de tres cans a un gato
Por Oskar Viéitez
A Policía Local de Pontevedra informou que impuxo seis multas polo ataque de tres cans a un gato doméstico. Os animais atacantes eran raza Staffordshire bull terrier, considerada potencialmente perigosa e o felino sufriu feridas de gravidade.
Os axentes municipais consideran que os propietarios dos cans cometeron varias infraccións, unha moi grave por levar aos animais soltos, outra de carácter grave por resistirse a facilitar a información requirida polas autoridades, ademais carecían de seguro de responsabilidade civil e non tiñan actualizados os rexistros obrigatorios.
Este incidente produciuse o pasado 26 de xaneiro, quince días despois de entrar en vigor da nova normativa galega de protección e benestar de animais de compañía, que establece sancións moi elevadas, o que supón que os propietarios destes cans expóñense a unha serie de multas que sumadas poden levar o pago de máis de 5.000 euros, podendo chegar ata os 30.000.
Desde a Xefatura da Policía Local destacan que a responsabilidade que supón ter unha mascota que se incrementa se se trata dun animal considerado potencialmente perigoso.
O pasado ano, antes da entrada en vigor esta nova lei, a Policía Local de Pontevedra tramitou un total de 144 infraccións en materia de animais domésticos e mascotas. A infracción máis frecuente, repetida en 39 ocasións, foi a de levar sen cadea nin boceira un can catalogados como raza potencialmente perigosa.
A nova lei tamén sanciona con multas de ata con 500 euros a quen dea comida e bebida a cans e gatos abandonados nas vías públicas sen contar con permiso municipal e recoller un animal perdido ou abandonado na rúa, sen intención de levalo á protectora de animais, poderase castigar con ata 5.000 euros.