Bueu presenta a súa nova páxina web
Por Redacción
Máis visual e adaptada aos novos tempos. Así é a nova páxina web do Concello de Bueu, segundo destacaron o alcalde, Félix Juncal, e a concelleira de Turismo, Silvia Carballo, na súa presentación pública.
A nova páxina substitúe á anterior e nela destaca a inclusión do dominio .gal, unha xerarquía clara e intuitiva, un impacto visual, a interacción, a adaptación a todos os soportes de lectura e o incremento dos elementos visuais.
Tal e como explicou Carballo, a web que funcionou ata a actualidade foi creada no 2007 co obxectivo de dar cabida a novas, anuncios e a todas as cuestións relacionadas coa vida municipal, pero quedou obsoleta ante as esixencias das novas tecnoloxías e a afluencia cada vez máis forte das redes sociais.
O goberno municipal, polo tanto, tomou a iniciativa de crear este portal renovado, no que se potencia a comunicación en lingua galega coa cidadanía. O proxecto foi subvencionado pola Deputación de Pontevedra no marco das subvencións para a dinamización lingüística e foi realizado pola empresa local Nerade durante o último ano.
O alcalde destacou a importancia desta ferramenta útil para o conxunto da cidadanía, coa que se facilita o acceso á administración, á sección de actualidade, á axenda de eventos e aos arquivos multimedia.
Estes aspectos teñen que ver coa vocación de información diaria e de transparencia, proba do que é a administración electrónica á que o Concello se sumou xa hai dous anos.
Así mesmo, como complementarias a esta web, as redes sociais do Concello actualízanse a diario, tanto Facebook como Twitter e Instagram.