Nova edición do Proxecto Senda para "mellorar a empregabilidade" en Poio
Por Oskar Viéitez
O Salón de Plenos do Concello de Poio acolleu este venres a presentación dunha nova edición do Proxecto Senda 2018 que ten como primeiro gran obxectivo "mellorar a empregabilidade e a competitividade empresarial" dos veciños do municipio.
Desenvolveranse do 3 de abril ao 19 de xuño.
O Proxecto Senda engloba un conxunto de actuacións da Concellería de Promoción Económica, da que é responsable, Gregorio Agís, dirixidas a aquelas persoas que están a buscar un traballo, a emprendedores que teñan unha idea e empresarios que necesiten incorporar a innovación nos procesos de aprendizaxe coa finalidade de achegar "novos modelos e maneiras de facer empresa".
A data de inscrición está aberta ata o día 16 de marzo.
As charlas informativas do proxecto terán lugar o vindeiro martes 13 de marzo en dúas sesións, ás 11 da mañá e ás 19 horas. A data de selección dos participantes será o martes 20 de marzo.
O Centro Cultural Xaime Illa de Raxó acollerá todas estas charlas para as que é necesaria inscrición que se fará presencialmente na área de Promoción Económica do Concello de Poio.