Chegou o día: acceder a 46 casas de Tourón xa é máis sinxelo
Por Redacción
O acceso a 46 vivendas do lugar de Tourón, en Ponte Caldelas, teñen un acceso moito máis amplo e funcional. Acaban de estrear a primeira fase da ampliación do seu camiño central, que quedou acondicionado cun gran muro de mampostería dotado dun reforzo interno de formigón.
Trátase dunha zona densamente poboada na que non se daban cruzado dous coches e a falta de accesibilidade era un problema que viña de moitos anos atrás, de aí que a súa mellora supuxera unha demanda veciñal reiterada.
A actuación, que implicou a dificultade de ter que traballar a carón dunha parede rocha natural que supera os 7 metros de altura, incluíu un gran muro de mampostería, que foi reforzado cun recheo interno de formigón de metro e medio de grosor.
O alcalde, Andrés Díaz, comprobou o resultado das obras desprazándose ao lugar e explicou que está moi satisfeito de ter dado o primeiro paso para resolver o grave problema que supuña esta pista municipal, ata agora sen ancho suficiente para permitir o paso dunha ambulancia medicalizada ou dun camión de bombeiros.
O muro de contención está realizado con bloques de pedra de máis dun metro de anchura colocados en fileiras. Diante da altura que era necesario alcanzar incluíuse un reforzo interno de formigón tanto na base como na parte superior.
A obra tamén prestou atención ao acabado do remate superior, que coincide cunha finca veciñal. O borde conta agora cun peche de reixa e unha superficie completamente horizontal a modo de camiño perimetral, que substitúe á anterior pendente.
A obra conta coa colaboración da Deputación Provincial e o Concello anuncia que continuará este mesmo ano coa segunda fase das obras e xa, no próximo ano, levará a cabo a terceira e última parte, coas que quedará completamente acondicionado o camiño central de Tourón, cunha lonxitude aproximada dun quilómetro.