A posibilidade do colapso dun muro pon en alerta os veciños de Tilve
Por David Arana
A preocupación faise notar na localidade de Tilve, na parroquia de Cerponzóns, xa que a crecente cantidade de auga traída polas precipitacións está a facer perigar o muro dunha das leiras da zona máis baixa, que está a punto de colapsar debido á presión da auga. Como explicaba a asociación de veciños 'O Chedeiro', a causa é o desbordamento do caudal de rego dos terreos, que se viu incrementado pola chuvia e se está a acumular na parte baixa a carón do muro afectado.
Os veciños reuníanse este mércores 14 de febreiro cun axente responsable de Augas de Galicia para examinar a situación nas leiras e tentar atopar unha solución ao problema. Os afectados concluíron que a mellor forma de rematar co problema era a canalización da auga por unha zona das leiras para ser redirixida ás redes de augas pluviais do camiño público municipal, a condición de que se conte con todas as medidas necesarias e non se afecte a terceiros.
Esta reunión tiña lugar despois da entrevista co Enxeñeiro técnico de Obras Públicas do Distrito Galicia Costa, e a intención dos veciños é agora a de reunirse no lugar afectado con Pilar Comesaña, concelleira do goberno local de Pontevedra responsable da parroquia, e exporlle a solución atopada para poñer fin ao problema dunha vez por todas.