Chega a dixitalización ás lonxas da Illa de Arousa, Portonovo e Vilaboa
Por Redacción
A Xunta de Galicia acaba de dar a coñecer que iniciará a dixitalización das dez primeiras lonxas no marco do Programa Primare, entre elas, as pontevedresas de Vilaboa, Portonovo e A Illa de Arousa.
Segundo informou a Xunta a través dun comunicado, a conselleira do Mar, Rosa Quintana; e a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, mantiveron esta semana unha xuntanza de traballo cos patróns maiores e responsables das confrarías que participan nesta primeira fase da iniciativa.
Estas dez lonxas serán as primeiras que terán á súa disposición unha plataforma tecnolóxica única, que integrará os sistemas de xestión, comercialización e emisión de notas de venda, modernizando a xestión duns procesos fundamentais na xestión e comercialización que se desenvolve nas lonxas galegas.
As lonxas terán acceso nesa plataforma a unha nova solución de comercialización que lles permitirá obter información de xeito automático da identificación, clasificación e pesada das capturas descargadas na lonxa para a súa poxa nas distintas modalidades e emitir os documentos relacionados coa comercialización dos produtos.
A iniciativa inclúe a renovación dos equipos tecnolóxicos asociados que sexa necesario: pantallas de subasta, servidores, smartphones e equipamento que facilite a comunicación con básculas e etiquetadores. Disporán tamén dun novo sistema de xestión da actividade propia da lonxa e da confraría (comercialización, subministracións, presentación de servizos,...), que lles facilitará a tramitación da contabilidade, da facturación, do pago de impostos coas distintas administracións e a xestión social da entidade (censo, información de interese, etc.).
Ademais, o novo sistema de comercialización posibilitará as poxas online, que poderán realizarse directamente desde unha nova aplicación instalada no smartphone. Poderase tamén poxar en diferentes rulas ao mesmo tempo por parte de compradores presenciais e non presenciais, o que cambiará de maneira substancial os procedementos das lonxas tradicionais, permitindo obter maior valor engadido para os vendedores.
Para levar a cabo estas actuacións a Consellería do Mar investirá máis de 3,8 millóns de euros distribuídos nas anualidades 2017, 2018 e 2019. Esta cantidade será cofinanciada nun 75% polo Fondo Europeo Marítimo e da Pesca (FEMP).