Tino Fernández pide unha auditoría sobre o servizo de limpeza viaria
Por Redacción
O portavoz municipal do PSOE, Tino Fernández, presentou unha solicitude esixindo ao goberno local que realice unha auditoría sobre o grado de cumprimento das obrigas da empresa concesionaria do servizo de recollida de lixo e limpeza viaria.
Di Tino Fernández que se hai unha "queixa común" en todos os barrios e parroquias do municipio esta é "a mala calidade do servizo de recollida de lixo. Incluso no centro da cidade a xente critica a situacion das rúas e beirarrúas", sinalou.
O voceiro socialista lembra que o contrato coa empresa concesionaria cústalle aos pontevedreses mais de 5,8 millóns de euros ao ano. "O goberno ten que garantir que a empresa respecte o prego de condicións. É inadmisible que o concelleiro responsable diga que ignora se a empresa está a cumprir coas súas obrigas", afirmou Tino Fernández.
Entre as queixas recollidas polo PSOE está a existencia de beirarrúas sucias, papeleiras que no se baleiran, contedores en mal estado "que se retiran do centro e lévanse para o rural", f alta de mantemento e mal cheiro en moitos deles, entre outras deficiencias sinaladas pola veciñanza.
Os socialistas xa se opuxeron no 2014 á prorroga do contrato e entenden que "é necesaria unha nova concesión ou incluso estudar a remunicipalizacion. O que temos claro é que as cousas non poden seguir así", manifestou Tino Fernández que cuestiona a "capacidad de xestión" do goberno local.
O grupo municipal do PSOE instará ao goberno a establecer controles de calidade sobre o servizo de recollida de lixo e limpeza viaria e esixir o cumprimento estrito do contrato.