A escola infantil de Tenorio non deixa de crecer
Por Redacción
O crecemento na matrícula da escola infantil pública da rede Galiña Azul en Tenorio mantense á alza, segundo os datos oficiais que se acaban de dar a coñecer no arranque de 2018.
Durante o últimos cinco anos o centro acumula un incremento do 53% na matriculación, desde os 32 nenos e nenas cos que contaba no inicio do curso 2013/2014 ata os 49 actuais, despois dun importante número de solicitudes rexistradas no período extraordinario de decembro.
Das novas matrículas recibidas, 8 correspóndense con nenos de 0-1 anos, polo que ese grupo conta agora cunha decena de inscritos. Polo demais, hai 17 na aula de 1-2 anos e os 22 restantes na de 2-3 anos.
A pesar dos números a escola infantil de Tenorio segue sen contar con lista de espera xa que a súa capacidade sitúase nas 56 prazas. Ademais xa está preparada para abrir unha quinta unidade e chegar ata as 74 matrículas, tal e como aparece recollido no Permiso Inicial de Apertura (PIA).
"Ten unha enorme importancia que a matrícula da gardería creza porque marca un futuro moderadamente optimista á hora de conter poboación", sinalou o presidente da xunta xestora de Cercedo-Cotobade, Jorge Cubela, nunha visita ás instalacións acompañado do xerente do Consorcio de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez.
En canto á situación da outra escola infantil autonómica do municipio, situada en Cerdedo, cubriu este curso o 80% das súas prazas ao contar con 12 nenos matriculados ao peche do período extraordinario de admisións do mes de febreiro.