Tres anos e medio de cárcere para un home que acoitelou á súa noiva ao berro de: "Que mala es de matar"
Por Natalia Puga
O veciño de Cangas Alfonso C.B., xulgado entre setembro e novembro na Audiencia Provincial de Pontevedra por acoitelar e golpear á súa noiva ao berro de "Qué mala eres de matar", foi condenado a tres anos e seis meses de prisión.
O home estaba inicialmente acusado dunha tentativa de homicidio polos feitos ocorridos na localidade de Valga en outubro de 2015, pero, tras o xuízo, a Fiscalía decidira cambiar a acusación e pasar a consideralo autor dun delito de lesións agravado. Tras esa modificación, finalmente a Sección Cuarta da Audiencia condenouno por esas lesións agravadas.
A sentenza recoñece que concorre no acusado a circunstancia atenuante de alteración psíquica e imponlle eses tres anos e seis meses de prisión, pero tamén a prohibición de aproximarse e comunicarse coa vítima, así como a prohibición de entrada e residencia na localidade de Cangas, onde vivían ambos, durante sete anos.
Alfonso C.B. estará obrigado por sentenza a seguir tratamento médico externo e someterse a control médico periódico e terá que indemnizar á vítima con 1.375 euros polos días de curación; 6.000 euros polas secuelas restantes; 10.971,45 euros polo prexuízo estético que lle deixou e 10.000 euros polo dano moral.
Os feitos ocorreron sobre as 5.00 horas da madrugada, cando o acusado e quen fora a súa parella durante catro anos estaban en Valga. A sentenza considera probado que el colleu dous coitelos de 7,5 centímetros de folla e, coa intención de causar a morte á muller, acompañouna en reiteradas ocasións. Ela logrou saír ao exterior da vivenda, pero el seguiuna. Desprendeuse dun dos coitelos no xardín da vivenda deixando o outro no interior da mesma, foi tras ela e golpeouna tamén a cabeza contra un muro á vez que lle dicía "que mala eres de matar".
A muller, xa ferida, dirixiuse cara á vivenda dun veciño, que está a 51 metros da súa, para pedir auxilio. Mentres pedía auxilio e ata que o veciño abriu a porta da súa casa para axudala, o acusado permaneceu á beira dela sen impedirlle pedir axuda nin agredila novamente, tratando tan só de que volvese a casa con el, para o que tentaba que ela se levantase do chan, onde se sentou.
Por iso, a Audiencia rexeita condenalo polo intento de homicidio, ao entender que desistiu "voluntariamente" de seguir agredindo á súa parella.
O condenado padece un trastorno somatomorfo e un atraso mental moderado que afecta moderadamente á súa capacidade volitiva.