"Se quixera matala, ela non estaría aquí"
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
No banco dos acusados da sección cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra, especializada en delitos de violencia sobre a muller, sentou este xoves Alfonso C. B., un home acusado dunha tentativa de homicidio por acoitelar e golpear a súa parella na localidade de Valga en outubro de 2015.
A preguntas da fiscal de violencia de xénero, Rosalina Carrera, o acusado negou que tivese intención de acabar coa vida da súa noiva porque "se quixera matala, ela non estaría aquí", dixo.
Sinala a fiscal que o acusado, de idade avanzada, padece un atraso mental moderado e un trastorno hipocondríaco que afecta moderadamente á súa capacidade volitiva. Con gran dificultade foi respondendo as preguntas que lle fixo a fiscal, o avogado da acusación particular e o letrado que exerce a defensa, recoñecendo que aquel día "eu collín o coitelo e deille nas pernas". Admitiu asestar unha ducia de coiteladas á súa muller na cadeira. Eran as cinco da madrugada e esta agresión produciuse dentro da vivenda na que ambos residían.
A vítima conseguiu escapar do seu agresor e saír da casa para pedir axuda, sendo perseguida polo acusado que lle deu alcance. "Fun detrás de Ignacia para que non me denunciase" e afirma que lle dixo "que non te mato, ven para casa, cariño". Alfonso explicou que o ocorrido aquel día "foi un enfado" porque "me puxen mal dos nervios" debido a que "non tomaba as pastillas".
A muller relatou ante as maxistradas da sección cuarta que aquel día atopábase na cama cando lle espertou o ruído producido pola súa parella cando se abalanzou co coitelo sobre a cama. "Me cogió por el cuello y me empezó a clavar el cuchillo, tengo como 20 puñaladas" dixo mentres mostraba á Sala as súas cicatrices e secuelas.
Na súa versión do ocorrido a muller afirma que cando saíu da casa, perdendo moito sangue, o seu noivo "me dijo que iba a coger el hacha para cortarme en pedazos y tirarlos al río", que chegou a meterlle un coitelo na boca para "cortarmela lengua" e que lle golpeou a cabeza contra un muro mentres lle dicía "qué mala eres de matar".
"Yo no me lo estoy inventando" reiterou a muller en varias ocasións.
Finalmente a agredida logrou refuxiarse na casa do veciño, onde perdeu o coñecemento. Este veciño, un "testimonio clave", segundo advertiu a fiscal, non compareceu ante a Sala polo que a representante do Ministerio Público pediu a suspensión da vista oral para que poida ser localizado e expoña a súa versión dos feitos. O xuízo volveuse a sinalar para o vindeiro martes 10 de outubro.
A Fiscalía considera que o acusado é autor dun homicidio en grao de tentativa no que concorren as circunstancias agravantes de parentesco e de abuso de superioridade e a atenuante analóxica de alteración psíquica polo que solicita que se lle impoña unha pena de 9 anos e seis meses de prisión.
Relacionadas:
-
Tres anos e medio de cárcere para un home que acoitelou á súa noiva ao berro de: "Que mala es de matar"
Por Natalia Puga |
-
"Como me deu pena, non a quixen matar"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Suspenden un xuízo por tentativa de homicidio porque a testemuña "crave" négase a acudir á Audiencia por "ansiedade"
Por Oskar Viéitez |
-
Acoitelou e golpeou na cabeza á súa noiva mentres lle gritaba: "Que mala es de matar!"
Por Oskar Viéitez |