Condenado a dous anos de prisión por abuso sexual á sobriña da súa parella
Por Natalia Puga
A Audiencia Provincial de Pontevedra condenou a dous anos de prisión a un pontevedrés de 59 anos xulgado o pasado mes de novembro por abusar sexualmente da sobriña da súa parella cando tiña nove anos.
O home estaba acusado inicialmente os delitos de abuso e provocación sexual, pero durante o xuízo, que se celebrou a porta pechada, o fiscal retirou a acusación por este último delito e finalmente o tribunal condenouno tan só por abuso sexual.
A sentenza condenatoria imponlle dous anos de prisión e a prohibición de achegarse á menor, ao seu domicilio, centro de estudos ou calquera lugar en que se atope a unha distancia de 100 metros, así como de comunicarse con ela por calquera medio durante tres anos. Tamén deberá indemnizala con 7.000 euros.
A sentenza da Sección Segunda da Audiencia mantén que o condenado, do que non se facilita a identidade para garantir intimidade da menor, cometeu o abuso en maio do ano 2016 no domicilio no que convivía coa súa parella, tía da menor.
Coa escusa de convidar a comer á nena, trasladouna desde a casa da avoa paterna na que estaban ambos ata o seu domicilio. Unha vez sós nunha habitación, e con ánimo de satisfacer os seus desexos sexuais, el sentou encima da cama e empezou a xogar coa menor ao 'cabaliño'. O xogo parecía nun primeiro momento inocente, pero máis tarde adquiriu contido sexual. Ademais, espiuse e masturbouse en presenza da nena.
Tras estes feitos, segundo a sentenza, o condenado dixo á súa sobriña que non contase nada do que pasara porque era un segredo e propúxolle que visen xuntos unha revista pornográfica na que lle mostraba a xente que mantiña relacións sexuais.
Como consecuencia destes feitos, a menor necesitou asistencia psicolóxica.