Relacionan o peche de Unipost en Pontevedra co apoio da empresa ao "procés" catalán
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
O operador de envíos postais Unipost estivo relacionado co "procés" de Cataluña ata o punto de que o Tribunal Superior de Xustiza catalán requiriu información a esta empresa sobre a difusión de documentos electorais durante a celebración do referendo do 1-O, do mesmo xeito que fixera na convocatoria do 9- N de 2014.
O persoal da oficina de Pontevedra recoñece que, durante os últimos meses, detectouse un importante descenso de actividade relacionado con clientes de relevancia e vencellan esta redución de actividade laboral á implicación de Unipost co independentismo catalán.
Os problemas da empresa incrementáronse con falta de pagamento de salarios, recortes nas nóminas e atrasos no abono de soldos. Unha das consecuencias desta xestión é que, este venres, a delegación de Pontevedra de Unipost pechaba as súas portas. 13 traballadores quedaron sen emprego, catro deles, todos integrantes da Confederación General del Trabajo (CGT), xa foran despedidos, semanas atrás, na primeira fase do ERE (expediente de regulación de emprego) que a empresa está a levar a cabo en toda España.
A segunda fase levou máis despedimentos e o peche de 24 delegacións, entre as que se atopan a de Pontevedra, Santiago de Compostela e Ourense.
Miguel Cuña, secretario comarcal da CGT, afirma que ese ERE foi impugnado por este sindicato ao establecerse pola administración concursal e pola empresa sen o consentimento do persoal. Unipost entraba en fase de liquidación o 9 de xaneiro deste ano á espera de que outra empresa presente unha oferta antes do 18 de febreiro para continuar coa actividade.
O representante sindical que comparecía este luns acompañado por dúas traballadoras de Unipost en Pontevedra, Cristina Sánchez, Begoña Otero e Norberto Abilleira, entende que esta operación busca que a actividade postal continúe baixo outra firma e con outra planificación laboral.
Por este motivo, reclaman que desde a xustiza se pidan responsabilidades aos actuais propietarios de Unipost pola súa "fraudulenta e nefasta xestión"; que a nova firma que se faga cargo do servizo subrogue a todos os traballadores e que se manteña a rede xeográfica con todas as delegacións, obrigándolle a reabrir a oficina de Pontevedra.
Este martes 30 ás 12.00 horas, a CGT convocou á cidadanía pontevedresa a mostrar o seu apoio a este persoal cunha concentración ante a Audiencia de Pontevedra. Será a primeira dun calendario de protestas, que está previsto que se acometan ao longo das vindeiras semanas.