Os Amigos da Dorna de Portonovo suman un novo tesouro para o seu museo flotante
Por Redacción
A asociación portonovesa Amigos da Dorna, que dedica grandes esforzos á recuperación e posta en uso de antigas embarcacións tradicionais, ven de sumar unha nova embarcación á súa flota. Trátase dunha dorna de construcción mixta, un tipo pouco habitual de atopar e que, por tanto, vai enriquecer notablemente o xa variado conxunto de barcos que posúe a asociación.
Esta nova incorporación -chamada Praia da Panadeira- é froito da doazón dun cidadán particular, que dicidiu ceder esta embarcación para que os Amigos da Dorna leven a cabo a restauración que precisa e a poñan a disposición da sociedade como o ben patrimonial que é.
Hai uns días un grupo de socios se desprazaron ata Ramirás (Ourense), onde se atopaba gardada a embarcación, e procederon a trasladala ata Portonovo. Agora esperan conseguir un local definitivo onde poder resgardala durante o inverno e comezar a planificar as diferentes fases da restauración, que vai precisar da intervención de carpinteiros de ribeira profesionais, para o cal terán que conseguir antes o financiamento económico necesario.
Tal e como recoñecen, dende hai anos padecen dous grandes problemas. Por un lado a carencia dun local apropiado onde poder traballar e dun espazo seguro no porto onde poder amosar os barcos. E polo outro a inexistencia de calquera tipo de subvención pública que lles axude a financiar as reparacións.
Levan 20 anos promovendo a súa actividade cultural nunhas condicións de precariedade que consideran impropias dun concello como Sanxenxo e, por tanto, teñen previsto solicitar ao goberno municipal maior colaboración e que se lles teña en conta na reordenación portuaria anunciada para Portonovo.