A asociación Amigos da Dorna expón as súas demandas ao goberno local
Por Oskar Viéitez
O alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, e os concelleiros de infraestruturas e medio ambiente, Daniel Fernández e Juan Deza, reuníronse en Portonovo coa asociación Amigos da Dorna. O encontro tivo lugar na "Surfeira", unha dorna que a asociación ten no pantalán e nela tratáronse diferentes aspectos.
En primeiro lugar, a asociación solicitou ao goberno mediación ante Portos de Galicia, para que atenda a unhas melloras solicitadas no pantalán e así poder inaugurar a "mariña tradicional" de Portonovo. Desde o goberno trasladóuselles a predisposición de solicitar a Portos que esta petición sexa atendida canto antes.
Ademais, esta asociación necesita un local no que poder realizar os traballos de recuperación e mantemento das embarcacións. O goberno local buscará cal pode ser a opción máis axeitada para que dispoñan dun espazo cómodo no que poder desenvolver o seu labor.
Amigos da Dorna, ten intención organizar periodicamente charlas, reunións, exposicións e outras actividades relacionadas coa cultura marítima. Para isto, o goberno pon a disposición tanto a Casa Mariñeira de Portonovo como as demais casas de cultura municipais das distintas parroquias.
Tamén se solicitou un espazo expositivo, sendo unha posibilidade A Telleira, en Vilalonga. É unha opción que o goberno valorará, para poder ofrecer mostras en seco de embarcacións tradicionais, xa recuperadas ou en proceso de restauración, acompañadas de elementos descritivos sobre as súas características.
Igualmente valorarase a redacción dun posible convenio de colaboración entre a sociedade Nauta Sanxenxo e a propia asociación, para poder promover actividades de lecer e posta en valor do patrimonio marítimo, destinadas a veciños e a visitantes.
Por último, o goberno mostroulle a enteira disposición das diferentes concellerías para colaborar na realización de todos os eventos e actividades que organicen e que teñan como finalidade a promoción da cultura marítima do municipio.