A problemática dos cabalos salvaxes de Ponte Sampaio, ante a Xunta e a Subdelegación
Por Redacción
A asociación de veciños Santa María de Ponte Sampaio levou ante a Subdelegación do Goberno en Pontevedra e a Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia o enfado dos veciños do lugar de Rañadoiro ante a presenza habitual e devastadora de varios cabalos salvaxes que invaden as leiras e montes da zona e causan importantes desfeitas.
Os cabalos levan deambulando pola zona entre dous ou tres meses, sempre de noite, pero este domingo por primeira vez sorprendéronos de día. Xa pola mañá varios veciños víronos por algunhas leiras e ao mediodía lograron acurralalos nunha das leiras, a de Ramón Reguera. Unha vez alí, pediron toda a axuda que se lles ocorreu, a Policía Local, a Policía Autonómica e o Servizo de Protección da Natureza (Seprona) da Garda Civil.
A chamada de socorro, que xa é un berro desesperado dos veciños da zona, tivo escasa resposta. Segundo explican os veciños, a Policía Local si se achegou pola zona e fixo un informe, pero actuar en casos como este non entra dentro das súas competencias. Os efectivos da Policía Autonómica e o Seprona aínda non se pasaron por alí e, segundo sosteñen os veciños, uns e outros alegan que a responsabilidade é dos outros.
Dada esta situación, os veciños firmaron un escrito que a asociación Santa María tiña previsto entregar este luns ás citadas administracións para expoñer a súa problemática.
Segundo explican, normalmente hai entre sete e oito cabalos e van en horario nocturno, pero este domingo decidíronse xa a denunciar o tema porque apareceron na zona de día e polos danos que causaron. Nesta ocasión, antes de que os atrapasen, causaron importantes anos.
Entre outras desfeitas, saltaron sobre muros que deixaron desfeitos, romperon valos, comeron o pasto, metéronse nunha zona de viñas que quedou moi danada e comeron as verduras.
Relacionadas:
-
Oito cabalos volven estragar os cultivos no lugar do Rañadoiro
Por Redacción |
-
Queixas en Cerponzóns polos danos que causan os xabarís nos cultivos
Por Redacción |
-
Saen a poxa por 180 euros os seis cabalos capturados no Rañadoiro
Por Redacción |
-
VÍDEO.- Volven atrapar cabalos salvaxes que danaban propiedades e cultivos no Rañadoiro
Por Diego Espiño |
-
Atrapan seis cabalos danando propiedades privadas no Rañadoiro
Por Redacción |