A Xunta anuncia as novas liñas de axuda para a contratación da Risga e socorristas
Por Oskar Viéitez
Esta mesma semana saíron publicadas no Diario Oficial de Galicia (DOG) dúas convocatorias de axudas nas que o goberno autonómico investirá preto de 7 millóns de euros para a contratación de 1.420 desempregados nos concellos de Galicia.
Estas ordes permitiron destinar o ano pasado preto de 663.000 euros aos concellos da comarca de Pontevedra, Bueu e Marín co fin de contratar a 87 persoas desempregadas. Na comarca de Caldas foron preto de 160.000 co fin de contratar a 19 persoas e nos concellos do Salnés, máis de 452.000 euros para contratar a 80 persoas.
A Consellería de Economía, Emprego e Industria destinará este ano, dun lado, 5,7 millóns de euros para a contratación de 800 persoas perceptoras da Renda de Inclusión Social de Galicia (Risga) en 192 concellos, tendo preferencia, ao igual que o pasado ano, aquelas persoas que teñan asignado un proxecto de inserción de carácter laboral, os maiores de 45 anos e as que teñan cargas familiares.
Con independencia da duración do contrato, o período que financiará a Xunta con estes apoios, que van dirixidos a concellos e as agrupacións de concellos, será de sete meses.
SOCORRISTAS
O goberno galego, doutra banda, destina 1,3 millóns de euros para a inserción no mercado de traballo de 620 persoas sen emprego en 150 concellos e que realizarán obras ou servizos de interese xeral ou social. Nesta convocatoria terán preferencia os servizos relacionados con Protección Civil e seguridade das persoas e bens, especialmente os proxectos que correspondan a servizos de salvamento e socorrismo.
Relacionadas:
-
Ponte Caldelas contratará dúas persoas paradas en situación de risco de exclusión social
Por Redacción |
-
Este venres iníciase o sentido único de circulación no acceso ás praias de Marín
Por Redacción |
-
Vilagarcía solicita á Xunta a contratación de 12 socorristas para a temporada de praias
Por Redacción |