Dez persoas con discapacidade logran emprego a través da formación en novas tecnoloxías
Por Redacción
Un total de dez persoas con discapacidade de Pontevedra conseguiron inserirse laboralmente tras participar no programa de inserción 'Participa coa dis-capacidade', un proxecto de Cogami que apoia a Fundación Vodafone España e co que se pretendeu potenciar o uso das TICS para a inserción sociolaboral.
O proxecto válese das novas tecnoloxías para darlle un uso favorable ás persoas que están buscando emprego e rematou neste mes de decembro de 2017 cuns resultados que superaron todas as expectativas marcadas pola área de emprego de Cogami con respecto ao número de insercións.
Cogami tiña como obxectivo alcanzar un 49% de ocupación laboral das 150 persoas participantes no programa en Galicia. O resultado final foi superado, xa que o 69% das persoas participantes están traballando arestora, 104 en total, das que hai 22 en A Coruña, 11 en Ferrol, 9 en Lugo, 12 en Ourense, 10 en Pontevedra, 18 en Santiago e 22 en Vigo.
Todas as persoas que conseguiron traballo tiñan discapacidade ou incapacidade laboral recoñecida para o desenvolvemento da súa profesión habitual, carecían dun contrato laboral durante os seis meses anteriores ao programa e todas contaban con maiores dificultades de inserción por vivir no rural, por ter formación básica e por ser muller (de aí que a metade de participantes deste programa sexan mulleres). Un total de 22 das de toda Galicia procedían de Pontevedra.
Este programa ofrece asesoramento información, formación e capacitación en TICS baseado en soportes, equipamentos, tecnoloxías e software adaptados, co propósito de facilitar a súa comprensión e poder darlles uso para a busca de emprego e, finalmente, poder acceder ao mercado laboral.