Melchor, Gaspar e Baltasar fixeron maxia e a chuvia parou durante a cabalgata
Por Oskar Viéitez
Esperábase unha tarde de choiva e pouco agradable para seguir a cabalgata dos Reis Magos por Pontevedra, pero Melchor, Gaspar e Baltasar sacaron a súa maxia a relucir e conseguiron que durante todo o desfile non caera unha pinga. Centos de persoas saíron ás rúas do centro de Pontevedra para seguir á comitiva real encabezada pola charanga dos Airiños de San Martiño e o grupo de cabalería, acompañados por un camión dos bombeiros.
A primeira carroza pertencía á Zona Monumental con dous dos personaxes máis queridos por nenos e adultos de todas as idades, Epi e Blas. A continuación, Pablo Méndez Performance, os pallasos de Rivel Animación e a Charanga Charandonga facían rir e bailar ao numeroso público.
A carroza Merlín, de Avícola de Galicia, continuaba a comitiva coas mascotas de Troula e un grupo de Malabaristas. Tras iso, integrantes do grupo folclórico Duos Pontes e os personaxes da galiña dos ovos de ouro.
Supermercados Froiz ofrecía a carroza sobre cinema con personaxes de películas. Tras ela, as animacións do bosque animado, o grupo folclórico 'Pola Vila' e unha agrupación de pastores, acompañada por dromedarios.
Os carboeiros deixaban paso á carroza do Rei Melchor, cos bombos do carteiro real, os adornos da árbore de nadal e os ratos chocolateiros.
O Rei Gaspar na súa carroza lanzaba caramelos a todo o público que enchía as rúas cun dragón inchable e unha animación. Por último, a carroza do Rei Baltasar pechaba o desfile con bailaríns led e xigantes e o séquito branco.
Nesta ocasión, os paraugas só foron necesarios para recoller máis caramelos procedentes das Súas Maxestades e os seus paxes.