Así é Manuel Entenza Conejo, o primeiro bebé de 2018 en Pontevedra
O primeiro bebé do ano en Pontevedra fíxose de rogar. Naceu ás 6.46 horas no Hospital Provincial. Chámase Manuel Entenza Conejo e pesou 3,585 quilos ao nacer. Apenas seis horas despois de vir ao mundo, xa foi presentado en sociedade. Non deixou de sorrir na súa primeira sesión de fotos.
Foi un parto "bastante rápido", recoñece a súa nai, Paula Conejo. Tras varios días acudindo ao hospital con molestias, púxose de parto en Noitevella. "Me dijeron que igual tardaba varias horas pero estaba tan desesperada que fue todo en media hora", explicou a feliz mamá co seu fillo en brazos.
Paula saía de contas o pasado 28 de decembro pero "cruzaba los dedos" para que non nacese antes de fin de ano. O motivo, "por el colegio". Prefería que o seu fillo fora dos maiores da clase porque nacendo en decembro "hay mucha diferencia con sus compañeros, sobre todo cuando son pequeños".
O fermoso bebé, que nestas primeiras horas "se porta muy ben", chámase Manuel por tradición familiar. Tanto o avó e o pai de Paula como o avó e o pai da súa parella, Leandro Entenza, chámanse así. "Tenía que ser Manuel, no quedaba otra", afirmou a súa nai entre risas.
A historia dos pais de Manuel está marcada por un "auténtico flechazo". Coñecéronse hai apenas un ano. Ambos coincidiron nunha feira de traballo celebrada en Ámsterdam, onde acudiran cos seus respectivos proxectos empresariais.
Leandro, natural de Cangas, estaba á fronte dunha franquía de reparación de móbiles e servizos informáticos. Paula, que viaxou a Holanda desde a súa Gran Canaria natal, dedicábase ao deseño gráfico e á produción, entre outros, de vinilos decorativos.
Tras o seu encontro, Paula recoñece que "no dudé en dejarlo todo" e vir a vivir con el a Galicia. Concretamente, a Bueu. Apenas un par de meses despois, souberon que Manuel viña en camiño para poñer a guinda á súa unión vital. E tamén empresarial, xa que ambos decidiron fusionar as súas respectivas aventuras emprendedoras.
"Estamos muy contentos", asegura unha feliz mamá que, na tradicional visita da prensa ao hospital cada 1 de xaneiro, estivo acompañada pola súa sogra "que es como una madre para mí" desde que chegou a Galicia.