Os particulares xa poden pedir as novas axudas das ARI de Estribela e do centro histórico
Por Redacción
O Concello de Pontevedra acaba de facer públicas, a través do Boletín Oficial da Provincia, as bases da nova convocatoria das axudas á rehabilitación de edificios e vivendas nas Areas de Rehabilitación Integral (ARI) de Estribela e do centro histórico. Correspóndese ás fases sétima no caso de Estribela, e á segunda, no caso do Ccntro histórico de Pontevedra que teñen unha contía conxunta de 935.371,36 euros.
As novas axudas están financiadas con cargo á prórroga do Plan Estatal de Fomento do alugamento de vivendas, rehabilitación edificatoria e rexeneración e renovación urbanas 2013-2016 do Ministerio de Fomento, que se plasman a través dun convenio entre o ministerio e a Xunta de Galicia, e na que tamén participan os concellos.
Ao respecto do centro histórico, foi declarada pola Xunta de Galicia como área de rehabilitación integral en outubro de 2012 e outorgóuselle a primeira liña de axudas no ano 2015. Agora ábrese esta segunda fase de axudas cun custo total de 679.584,84 euros para rehabilitar 50 vivendas.
A ARI de Estribela, que foi declarada en maio de 2007, chega no 2018 á súa sétima liña de subvención. Neste caso está previsto un investimento de 255.786,52 euros para rehabilitar 28 vivendas.
Este ano, a diferencia do anterior, tamén participa no financiamento das ARI a Xunta de Galicia. Por este motivo, o importe máximo de cada axuda será do 45% do custo subvencionable das rehabilitacións, cunha contía máxima por vivenda de 15.000 euros.
De feito, é intención da oficina de rehabilitación do Concello de Pontevedra iniciar xa a tramitación desta liña de subvención fronte as outras tres prorrogadas, xa que resulta máis vantaxosa para os particulares ao obter contías máis elevadas que nas anteriores fases concedidas, nas que non participaba a Xunta de Galicia.
Nas fases anteriores o importe máximo era do 35% do custo subvencionable das rehabilitacións, cunha contía máxima de 11.000 euros por vivenda.
OBRAS DE REHABILITACIÓN
Coas axudas das ARI pódense acometer calquera tipo de rehabilitación da vivenda ou dos edificios (agás acabados e decoración). Entran nestes proxectos obras de adaptación á normativa; eficiencia enerxética, espazos comúns dos edificios, entre outros.
Ademais, este plan volve incluír obras públicas que, no caso do centro histórico, ascenderán a 150.000 euros. Executarase a rehabilitación integral da rúa San Martiño e a súa conexión co Eirado de Albar Páez. No caso de Estribela, investiranse 80.146 euros nun novo tramo da praza Marqués de Valterra e comezarase a rehabilitación integral da rúa Montero Ríos.