O narcotraficante 'Karateca', detido por un tiroteo contra unha patrulla da Garda Civil
Por Natalia Puga
A Garda Civil detivo na madrugada deste venres ao coñecido narcotraficante arousán Juan Manuel Fernández Costas, máis coñecido como 'Karateka', por presuntamente abrir fogo contra unha patrulla da agrupación de Tráfico.
Os feitos ocorreron sobre as 6.00 horas da madrugada na contorna da vivenda do detido no Concello de Meis, onde os axentes de Tráfico estaban a facer un servizo ordinario. O home, considerado un dos ex socios do cambadés José Ramón Prado Bugallo, máis coñecido como Sito Miñanco, foi arrestado e permanece este venres nos calabozos do cuartel da Garda Civil de Cambados.
Segundo os primeiros datos que saíron á luz, o home emprendeuna a tiros contra a patrulla da Garda Civil de Tráfico, pero non alcanzou nin aos axentes nin o vehículo oficial.
Cando foi detido, estaba en posesión dun arma de fogo, pero aínda non transcendeu se se trata da mesma coa que disparou aos axentes ou non.
'Karateka' está considerado líder do 'Grupo da Illa' e colaborador de Sito Miñanco. Ten antecedentes por narcotráfico e foi condenado pola Audiencia Nacional no mesmo xuízo no que Miñanco resultou absolto polo alixo de haxix da operación Amencer.
Resultou condenado polos delitos de narcotráfico e contrabando por integrar un grupo organizado dedicado ao tráfico ilícito de estupefacientes xunto a José Ramón Vázquez Vázquez, 'Piturro' Juan José Mouta Tourís, 'JJ' José Benito Padín Vieites, 'Viruco' José Secundino Fernández Fernández, 'Dino' Bernardo Ubiña Troncoso; e os irmáns José Ramón, Pistolo, e José Antonio Betanzos Baúl.