Copsesa fará en 11 meses a piscina de Cambados
Por Redacción
O novo edificio do complexo deportivo de O Pombal en Cambados será unha realidade en once meses tras a selección, en mesa de contratación, da oferta presentada pola UTE Prace Servicios e Obras S.A. Copsesa. A adxudicación definitiva, nunha próxima Xunta de Goberno, porá fin ao trámite administrativo do proceso.
A mellora e reforma da piscina era un compromiso coa veciñanza da vila do Albariño acadado pola presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva e a alcaldesa de Cambados, Fátima Abal, "que o anterior goberno municipal fixera sen cumprir cos mínimos criterios sanitarios e ambientais".
En marzo deste ano a Deputación e o Concello acadaron un convenio de colaboración para proceder á reforma destas instalacións que presentaban "innumerables problemas" derivados do anterior proxecto elaborado "en período electoral", polo anterior alcalde e polo entón presidente da Deputación, que "condenaban a Cambados a ter un invernadoiro e non unha piscina das mesmas características que calquera outra vila do Salnés".
O novo proxecto contempla a substitución da cuberta do complexo dada a deficiencia en transmitancia térmica que presenta e así como a actualización das instalacións de climatización do complexo deportivo. O novo edificio integrarase no espazo urbano colindante reducindo o impacto ambiental, mellorarase o confort térmico, unificaranse o vaso e a praia da piscina cos espazos lindeiros para así mellorar a resposta funcional deste espazo e modificarase o peche para que limite a demanda enerxética que se precisa para acadar o benestar térmico.
Con esta reforma tamén se mellorará a eficiencia das novas instalación para así cumprir coa normativa aplicable grazas á instalación de sistemas de eficiencia enerxética que reducirán o consumo enerxético mediante o control e a regulación da temperatura, a mellora do sistema de iluminación coa integración de equipos altamente eficaces e con sistemas de control e integración de luz natural e a mellora do sistema de xeración da auga quente sanitaria e o de quecemento da auga da piscina.
En concreto, a gañadora a UTE Prace Servicios e Obras S.A. Copsesa presentou unha oferta por 846.744,99 euros o que supón unha pequena rebaixa do 0,5 por cento sobre o prezo de licitación que figuraba no concurso público da substitución da envolvente e diversas melloras no interior.
Relacionadas:
-
A Deputación aproba destinar 455.000 euros para uns novos vestiarios na piscina de Cambados
Por Redacción |
-
Pistoletazo de saída ás novas instalacións deportivas e a piscina de Cambados
Por Redacción |
-
A Deputación aproba o procedemento de contratación da renovación da piscina de Cambados
Por Redacción |
-
902.000 euros de orzamento para construír en Cambados unha piscina "do século XXI"
Por Redacción |