Desaloxado un edificio da rúa Peregrina por un incendio
Por Oskar Viéitez
Por mor dun incendio, a Policía Local de Pontevedra procedeu ao desaloxo dun edificio de oito plantas na esquina das rúas Peregrina e Sagasta.
Segundo informaron fontes oficiais da Xefatura municipal o lume orixinouse nun cuarto contiguo á cociña dunha vivenda do segundo andar pouco despois das seis da mañá.
Por precaución, para evitar posibles casos de inhalación de fume, procedeuse a desaloxar o inmoble.
Os Bombeiros de Pontevedra controlaron o lume en pouco tempo sen que as chamas afectasen o resto de vivendas do edificio. Unha vez extinguido o incendio ventiláronse as estancias das zonas afectadas.
A rúa Peregrina permaneceu cortada ao tráfico ata as 7.30 horas. Pouco despois os veciños xa puideron regresar aos seus domicilios.