SAL convoca eleccións para o 28 de xaneiro
Por Oskar Viéitez
Sanxenxo Agrupación Liberal convoca eleccións para elixir a súa directiva. A xunta xestora elixida o pasado 8 de xullo convocará para o próximo 28 de xaneiro unha asemblea xeral de afiliados na nova sede cultural de Vilalonga onde sairá elixida a nova directiva desta formación política.
A primeira convocatoria será a 11,30 e segunda convocatoria ás 12:00 e na orde do día tamén figura a aprobación de contas e a modificación dos estatutos a fin de dotalos de maior claridade.
Ademais proponse crear a figura de coordinador que realizará a función de mediación entre a acción política e a acción do partido.
Nun comunicado o concelleiro de SAL, Gonzalo Gonzalo Pita sinala que "SAL está a ser fundamental para garantir unha estabilidade en Sanxenxo, estabilidade que non sería posible de non tomar a decisión de constituír un pacto co PP, pois a estas alturas de non reaccionar a situación sería moi desfavorable para o conxunto dos veciños do noso concello".
O exalcalde asegura que "SAL sente o apoio por esta valente decisión e a proba máis clara é que se conseguiu sumar novos afiliados en moi pouco tempo".
Finalmente Gonzalo Pita apunta que "grazas a este pacto" púidose eleborar un orzamento "con capacidade de investimento en Sanxenxo", e "facer posible proxectos importantes" como o Centro Cultural de Vilalonga, poñer en marcha o novo aparcadoiro na Praza do Mar en Sanxenxo e o paso das Salinas na Lanzada, entre outras iniciativas.