Ence priorizará a compra de eucalipto procedente de montes queimados
Por Redacción
Ence priorizará a compra de madeira dos montes afectados polos incendios do pasado mes de outubro en Galicia, "de forma que o propietario poida acometer a restauración do seu terreo canto antes", sostén a empresa nun comunicado.
Neste mesmo escrito destacan que "Ence non alterou nin alterará as súas tarifas de compra de madeira de eucalipto" publicadas na súa páxina web para as comunidades de montes e propietarios forestais particulares das zonas afectadas polos incendios. Deste xeito, a pasteira busca garantir o mantemento de prezos ante puntuais excesos de oferta derivados da necesidade do propietario de vender pronto a súa madeira para poder restaurar o monte canto antes.
Ence non pode consumir madeira queimada no seu proceso de produción, pero si pode aproveitar aquela que só foi afectada polo lume na súa cortiza. A madeira que Ence pode utilizar ten sempre que estar libre de carbonilla unha vez descortezada para poder cumprir os esixentes estándares de calidade necesarios para a produción de celulosa.
O comunicado de Ence destaca que "esta decisión responde á política a longo prazo de Ence de colaboración e axuda ao propietario forestal para avanzar cara a un sector forestal en Galicia forte, sustentable e competitivo, que contribúa á xeración de rendibilidade para o propietario e a creación de emprego rural".
Os principais montes veciñais en man común das zonas que resultaron alcanzadas polos incendios e Ence xa se puxeron en contacto para avaliar a situación da súa madeira e poder preparar unha oferta pola cantidade de madeira que se poida utilizar para a produción de pasta.