Detido por atracar cun coitelo unha tenda de lambetadas de Vilanova
Por Redacción
Coa cara cuberta e ameazando á empregada cun coitelo. Son os feitos que se lle imputan ao home detido pola Garda Civil como presunto autor do roubo que se produciu a pasada fin de semana nunha tenda de lambetadas de Vilanova de Arousa.
Impútaselle un delito de roubo con intimidación con arma branca.
O individuo, segundo informou o instituto armado, accedeu coa cara cuberta ao establecemento, situado nunha céntrica rúa de Vilanova de Arousa, e intimidou á empregada para que lle entregase todo o diñeiro que tiña na caixa rexistradora, conseguindo un botín superior aos 700 euros.
Os investigadores vincularon este roubo cun veciño da localidade que xa fora detido o mes de setembro por outro roubo con forza que cometera na praza de abastos de Vilanova.
As sospeitas confirmáronse co visionado das cámaras de vídeo do establecemento e, poucos días despois da comisión do roubo, a Garda Civil procedeu á súa detención. Trátase dun home de 38 anos.
Unha vez detido, púidose recuperar a práctica totalidade do diñeiro e o coitelo que gardaba no seu domicilio.
O detido foi posto a disposición do xulgado de instrución de garda de Vilagarcía de Arousa, que decretou a súa liberdade provisional con cargos.