Detido o presunto autor dun roubo no mercado de abastos de Vilanova
Por Redacción
A Garda Civil detivo un veciño de Vilanova de Arousa, como presunto autor dun roubo no interior da praza de abastos desta localidade.
Segun informaron fontes oficiais do instituto armado, as investigacións iniciáronse a semana pasada cando o propietario dun posto de venda do mercado de Vilanova de Arousa presentou unha denuncia ante a Garda Civil informando de que lle subtraeran o diñeiro en metálico que gardaba no interior da caixa rexistradora do establecemento.
Os feitos sucederan durante a noite e para entrar no local o autor tivo que romper cunha pedra o cristal da porta do negocio.
As pescudas levadas a cabo polo Equipo de Investigación da Garda Civil de Vilagarcía, en colaboración cos efectivos do Posto de Caldas de Reis, concluíron coa identificación e detención do presunto autor, F.S.G., de 38 anos, veciño da mesma localidade. Dentro das investigacións foi fundamental a colaboración cidadá.
O detido, foi posto en liberdade unha vez instruídas as correspondentes dilixencias, coa obrigación de comparecer ante o Xulgado de Primeira Instancia e Instrución de garda de Villagarcía de Arousa, unha vez sexa requirido.