Os méritos condecorados no Día da Constitución: da loita contra o bullying á cánula de Guedel
Por Natalia Puga & Diego Torrado
O Día da Constitución é habitualmente unha xornada de condecoracións. O Goberno aproveita para recoñecer a actuación de axentes das Forzas de Seguridade e cidadáns que destacaron por ir máis aló das labores que teñen asignadas, realizar accións meritorias e verdadeiras heroicidades que, no dia a día, poden parecer desapercibidas, pero que lle fan merecedor do máximo recoñecemento institucional e cidadán. É o caso dos 19 condecorados no acto de conmemoración do 39 aniversario da Carta Magna celebrado este mércores na Subdelegación do Goberno en Pontevedra.
Francisco Javier Cancelas Costa é un deles. Axente da Garda Civil adscrito ao posto da Garda Civil de Moaña, recibiu a Medalla ao Mérito de Protección Civil na súa categoría de bronce con distintivo azul. A resolución gobernamental lle condecora "pola súa actuación como intermediador para solucionar un problema de mobbing escolar que sufría unha menor realizando diferentes xestións cos organismos públicos implicados".
Segundo explicou Javier Cancelas, a actuación pola que o condecoraron enmárcase no Plan Director para a convivencia e a mellora da seguridade nos centros educativos e nas súas contornas. Tras dar unha charla nun centro escolar de Moaña, a nai dunha alumna acudiu a el "desesperada" porque a súa filla estaba a sufrir un caso de bullying e no centro escolar non actuaban.
O caso chegou aos axentes da Garda Civil cando xa estaba "bastante avanzado": a nena levaba sufríndoo desde os cinco anos e tiña sete. Actuaron rapidamente, puxeron a situación en coñecemento da Fiscalía de Menores e solicitaron informes de profesionais da sanidade pública que confirmaron a grave situación que vivía a pequena, ata conseguir que, por orde da Fiscalía, o colexio tomou medidas.
Cando a vítima tiña 9 anos, logrouse un cambio de colexio, o primeiro paso que recomendaban os psicólogos para que a nena empezase a superar a "fobia escolar" que desenvolvera. Ano e medio despois, "la madre nos empieza a decir que su hija comienza a sonreír". O camiño para que retome a normalidade é longo, pero ese sorriso foi un logro atribuíble a Javier Cancelas e os seus compañeiros que lles xera "satisfacción total".
O condecorado atribúe boa parte do mérito ao Plan Director, pois axudou ás Forzas de Seguridade -realízano a Garda Civil e a Policía Nacional- e ás distintas administracións "a ponernos al día a medida que surgen los problemas" e a detectar situacións como esta, na que o problema xurdira dunha suposta broma na que un compañeiro deulle un bico con 5 anos e obrigouna a repetilo a partir de entón sen ser consciente do dano que estaba a causar.
"El niño lo tenía como un juego y el padre decía que no era tan grave, pero provocó que la niña se sintiera obligada a recibir algo que no quería", explica Javier Cancelas, para chamar a atención sobre o feito de que unha das partes "más complejas" do acoso escolar é que "muchas vedes el acosador no se está dando cuenta del resultado de sus actos". E aí é onde xoga un papel crucial a actuación de insituciones e autoridades, en detectalos a tempo e darlle ás nenos ferramentas para facerlles fronte.
O Día da Constitución tamén serviu para condecorar outra acción meritoria do axente da Policía Nacional Felipe Cayo García, que presta servizo na brigada de seguridade cidadá de Pontevedra e o pasado de agosto logrou salvar a un home aplicándolle a manobra da cánula de Guedel.
Este mércores entregáronlle a Medalla ao Mérito de Protección Civil na súa categoría de bronce con distintivo azul "pola súa intervención estando de servizo, auxiliando a unha persoa que fora atropelada, superando o nivel de esixencia regulamentaria". Segundo el explica, foi unha " casualidad", pois fixo uso duns coñecementos formativos previos, pero a resolución gobernamental lle condecora por saber aplicar unha manobra que vai máis aló do que lle esixe a súa formación policial.
A accion realizouna pasadas as 11.00 horas da mañá dle 17 de agosto. Estaba de patrulla pola zona da Alameda cando recibiu un aviso por un atropelo á saída da ponte da Barca e, ao chegar ao lugar co seu compañeiro, viu un home de idade avanzada tirado no chan, sangrando por un oído e vomitando.
Ao situalo en posición de seguridade non logrou que mellorase, pois non ventilaba, e a ambulancia aínda tardaría de 3 a 4 minutos, de modo que, coa axuda dunha enfermeira que pasaba polo lugar nese momento, practicoulle a citada manobra.
"Nos miramos y dijimos: no llega a tiempo", explica, así que actuou e, tras usar esa manobra, "empezó a ventilar, pasó a estar semiinconsciente" e aguantou ata que chegou unha ambulancia e trasladouno primeiro ao Hospital Montecelo e logo a Vigo. Descoñece a súa evolución, pero agarda que quedase nun susto. "Si está por ahí, aprovecho para darle un saludo y que pase unas buenas navidades", engade.
Son só dous dos condecorados este mércores. Xunto a eles, recoñeceuse a actuación dos efectivos da Garda Civil, a Brilat e a Policía Nacional e os cidadáns José Luis Fernández Adegunde, Leovigildo Villares Yáñez, Carlos Alberto López Conde, Luis Hermo Cintas, Bruno Dacosta Díaz, Rubén Casal Millos, Alejandro Juega Roel, Francisco Javier Moldes Fontán, Eduardo Domínguez Pérez, Manuel Ramón Marcote Ferrio, Alfonso Mariño Rivas, Juan Carlos Cordovés Vázquez, Antonio Iglesias Salas, Manuel Garrido Crespo, María del Mar Ortega Fernández, Víctor Manuel Márquez Cortizo e Jesús Castellano Castellano.