O Grove recibe 53.700 euros para a mellora dos servizos de Vilavella e da rúa Socalcos
Por Redacción
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou este luns o concello do Grove para comprobar as actuacións de mellora executada en Vilavella e na rúa Socalvos deste municipio grazas ao plan Hurbe da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio.
Na visita o delegado estivo acompañado do alcalde da localidade, José Cacabelos, así como do xefe territorial de Medio Ambiente en Pontevedra, José Manuel González e pola portavoz do PP na localidade, Beatriz Castro.
Os traballos consisten na substitución dos servizos existentes nestes dous puntos da localidade que se atopaban en mal estado, dotando así aos núcleos cunha completa recollida de augas residuais coas correspondentes conexións ás vivendas e reposición do pavimento, que tiña unha capa de rodaxe moi irregular e presentaba fochancas.
Para solucionalo, estase a fresar o pavimento, instalándose unha nova rede de saneamento con sumidoiros e pozos de rexistro ao longo de 40 metros, e unha nova rede de distribución de auga, coa instalación de abastecemento de 44 metros de lonxitude.
As obras, que contan cun investimento de 53.700 euros, están a ser levadas a cabo ao abeiro do Plan Hurbe, que ten como obxectivo humanizar as vilas, especialmente as do interior da nosa comunidade, apostando polo reequilibrio territorial.