Os taxistas pontevedreses secundan a folga e concéntranse contra os VTC
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
A última sentenza do Tribunal Supremo respaldando a concesión de 80 novas licenzas ás empresas de VTC (vehículos turismo de aluguer con condutor) provocou que este mércores convocárase en toda España a folga dos taxistas, que ven prexudicados por estas decisións.
Temen a concesión de máis licenzas e ademais alegan que non se está cumprindo o cociente actual imposto por lei dun VTC por cada 30 taxis, así o manifestaba José Crespo, presidente da Asociación Provincial de Taxistas de Pontevedra.
Por este motivo, durante este mércores os 90 taxistas do municipio de Pontevedra sumáronse a esta folga seguida maioritariamente polo sector, que conta con 1.500 licenzas na provincia e 4.000 en toda Galicia. Na capital concentráronse cos seus vehículos entre as 11.00 e as 13.00 horas na Praza de España.
José Crespo afirma que na provincia de Pontevedra se nota menos a presenza das empresas que realizan servizos VTC, a diferenza do que xa sucede en cidades como Santiago de Compostela e A Coruña. Con todo, cren que están a realizar moito dano aos profesionais do taxi. "Traballan por horas. Non cotizan á seguridade social como nós", alega o representante dos taxistas.
Queren que se apliquen a eses condutores as mesmas obrigas ás que se teñen que enfrontar os taxistas. E reclaman que sexan contratados nas oficinas desas empresas, como Uber e Cabify, con dúas horas de antelación ao servizo e que establezan as tarifas. Denuncian que estas novas empresas están a contratar condutores de autobuses para realizar estes traballos.
Crespo afirma que os taxistas traballan máis de medio ano para facer fronte aos impostos e aos gastos que leva o seu servizo. E asegura que, ante a situación actual, un taxista ten que ampliar a súa xornada dúas ou tres horas máis diarias para poder compensar a competencia dos VTC e chegan a perder ata 400 euros mensuais. Por iso reclaman ao goberno central que exerza a mesma presión fiscal ás empresas de vehículos con condutor.