O pleno da Deputación aproba o orzamento para o próximo ano
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
O pleno da Deputación de Pontevedra aprobou con 14 votos a favor (PSOE e BNG), 1 abstención (Son-Marea) e 12 votos en contra (Partido Popular) o orzamento para o próximo ano que alcanza os 156,9 millóns de euros cumprindo co requisito de déficit cero.
O deputado de Economía, Facenda e Réxime Interior da Deputación de Pontevedra, Carlos López Font, foi o encargado de presentar as "grandes liñas de goberno" marcadas no orzamento para 2018 "que demostran que hai proxectos", concretamente máis de 90, "para un desenvolvemento sustentable" así como "un apoio decidido aos sectores produtivos da provincia".
López Font defendeu que a Deputación é "unha administración ben xestionada" que ten "máis recursos e infinitamente máis proxectos que o goberno anterior" e presumiu que son "unhas contas absolutamente equilibradas". Segundo as súas cifras oficiais "cando chegamos á Deputación tiña unha débeda de 39 millóns de euros", agora reduciuse a 6,4 millóns "a finais de 2018 haberá un 70% de redución".
Segundo o portavoz de economía do goberno provincial "pasamos dun gasto de 160,8 euros por habitante a 166" e a cociente de investimento creceu de 45 a 48 euros por habitante, apuntou.
Finalmente López Font criticou ao Partido Popular por ser "incapaz de presentar unha soa emenda ao orzamento" e de facer críticas "sen contido político, con vaguedades" porque "saben que son uns orzamentos extraordinarios, pero vostedes seguen coa súa carraca".
"Son vostedes o 'hazmerreir' dos concellos, mesmo dos seus propios" espetou o deputado socialista. "Estrañan que volva ao sectarismo e ao enchufismo", engadiu.
CRÍTICAS DO PARTIDO POPULAR
A portavoz do grupo provincial do Partido Popular, Elena Muñoz, sinalou na súa intervención que o goberno bipartito ten un "problema de credibilidade importantísimo" e que as contas presentadas demostran que "non son coherentes" e que "son vostedes un goberno incapaz, sen ideas, sen ilusión, con pés de barro".
Elena Muñoz cre que coa súa xestión o Partido Socialista e o BNG "demostraron que se pode facer menos con máis diñeiro que nunca" e cualificou como "absolutamente decepcionante" o orzamento presentado que "reflicte a verdadeira cara do goberno bipartito" que, asegura que está feito "de costas aos concellos, aos alcaldes e aos sindicatos".
A portavoz popular reprochou que a Deputación provincial repita actuacións que "foron un auténtico fracaso" e argumentou que a rebaixa da débeda da institución é "grazas ao PP" e ás medidas que adoptou o goberno do Estado para a contención do gasto "porque se fóra polo Partido Socialista continuabamos no pozo da crise", apostilou.
ABSTENCIÓN DE SON MAREA
O deputado Xosé Lois Jácome da coalición electoral SON abstívose na votación "esperando que se dean máis pasos positivos". Jácome criticou o grao de execución do orzamento "que este ano non chegará ao 50%", aínda que valorou como "satisfactorio e positivo o Plan Concellos" animando a afondar no respecto á autonomía municipal.
Jácome apuntou que é "consciente da mellora do goberno actual respecto da época Louzán", que fixo que a débeda en 2010 supuxese case o 100% do orzamento provincial.
O deputado da coalición electoral SON rexeitou que o debate plenario por ser "un teatriño para os medios que non deixa de ser unha falsidade", pois o importante, apuntou "é que os orzamentos sexan factibles e verosímiles".
Finalmente Jácome anunciou que Marea-Son e os animalistas do colectivo Libera lograron o compromiso da Deputación polo que retirou as emendas sobre benestar e protección animal a cambio dunha convocatoria de axudas ao longo de 2018. A súa emenda propoñía axudas para protectoras, máis campañas de sensibilización e apoio técnico aos concellos.
Relacionadas:
-
As emendas do PP decepcionan ao goberno provincial
Por Oskar Viéitez |
-
O PP emenda os orzamentos da Deputación por estar elaborados "de costas aos concellos"
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
O novo Plan Concellos da Deputación é "a maior inxección de recursos da historia"
Por Oskar Viéitez |
-
O PP acusa o goberno da Deputación de esquecer as comarcas de Pontevedra e O Salnés
Por Redacción |
-
O PP valora como "absolutamente decepcionante" o orzamento da Deputación
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Déficit cero e estabilidade, eixos do orzamento da Deputación para 2018
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |