Os bombeiros do consorcio provincial acoden ao xulgado
Por Redacción
Unha representación de bombeiros dos catro parques do consorcio provincial, Ribadumia, Vilagarcía, Morrazo e Baixo Miño, quixeron achegarse a apoiar ao seu compañeiro representante sindical que este venres 24 de novembro tiña pendente un xuízo contra a empresa concesionaria Matinsa.
Como levan meses denunciando desde o comité de empresa, que forman os sindicatos SibGal, UXT, CCOO e CIG, a empresa concesionaria "non presta un servizo de bombeiros de calidade aos cidadáns" da provincia de Pontevedra xa que aseguran que "os incumprimentos de pregos e a non substitución adecuada das baixas do persoal crean unhas graves deficiencias no servizo".
Apuntan desde o comité que todas estas denuncias públicas, ante o consorcio e ante inspección de traballo "parecen molestar á firma madrileña, pois Matinsa comezou a expedientar a representantes sindicais por diversos motivos", chegando a abrir expediente a un deles por faltas supostamente moi graves con ameaza de despedimento.
"É evidente que este comité de empresa non se amedrentará a pesar das presións da empresa e seguirá loitando polo ben dos cidadáns e dos excelentes profesionais que forman o colectivo de bombeiros do consorcio, máis se cabe tras a demostración de apoio por parte de todos e cada un dos traballadores ao compañeiro que hoxe se enfrontaba ao sempre desagradable trámite de ter que ir ao xulgado por realizar o seu labor sindical", afirma o comité de empresa nun comunicado.
Finalmente o xuízo suspendeuse a petición da empresa Matinsa por considerar que debe resolverse un conflito colectivo previo no Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.
Relacionadas:
-
VÍDEO.- PSOE e BNG adían ata 2021 a desprivatización dos Parques de Bombeiros provocando o enfado dos traballadores
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Os bombeiros do consorcio manifestaranse "contra os incumprimentos de Matinsa"
Por Redacción |
-
Os bombeiros do consorcio provincial volven levar as súas denuncias á Inspección de Traballo
Por Redacción |
-
A Deputación pide á Xunta un informe técnico que demostre a eficiencia da comarcalización dos parques de bombeiros
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Pontevedra agarda da Xunta un proxecto "serio e formal" para comarcalizar os bombeiros
Por Alejandro Espiño & Oskar Viéitez |