O PP pide máis persoal e horas de atención no Centro de Información á Muller
Por Redacción
O PP local de Pontevedra solicita ao goberno municipal que aumente o persoal que integra o Centro de Información á Muller (CIM) e equipare os servizos que se prestan en Pontevedra cos que se ofrecen nas outras tres capitais de provincia galegas.
A concelleira María José Rodríguez Teso deu a coñecer este venres que presentará unha moción para o seu debate no próximo pleno da corporación con esta petición, pois entende que "non debemos conformarnos cos mínimos legalmente establecidos", senón que Pontevedra debería aumentar o servizo.
En concreto, o PP solicita a incorporación, como mínimo, dunha traballadora social, unha educadora e unha administrativa que permitan ofrecer un mellor servizo ás mulleres que acoden ao CIM, tanto polos servizos prestados como polo horario de atención.
María José Rodríguez Teso mantén que o Concello de Pontevedra "non pode desaproveitar os recursos que se ofrecen dende a administración autonómica" para estes centros, pois, en moitos casos, non é suficiente coa labor que desempeñan a psicóloga e a asesora xurídica dúas horas ao día de atención ás mulleres, como ocorre actualmente.
Ademais, sostén que non só en Ourense, A Coruña e Lugo teñen máis persoal, tamén Vilagarcía ou Ferrol prestan máis servizos ás mulleres a través dos seus CIM. "Pontevedra debería aumentar a súa implicación en materia de igualdade", sinala.