Ángel Moldes fai balance dun mandato "perdido" en canto a proxectos en Poio
Por Redacción
O presidente local do PP de Poio, Ángel Moldes, considera que o mandato municipal que comezou despois das eleccións de maio de 2017 está "perdido" en tanto a avances en proxectos no municipio. O goberno local do BNG-PSOE, ao seu xuízo, "perdeu máis proxectos dos que conseguiu para Poio".
Moldes compareceu en rolda de prensa este martes en compañía de Manuel Domínguez e Juan José Rodríguez Grandal e repasou as oportunidades "perdidas" polo alcalde, Luciano Sobral, empezando pola depuradora, un proxecto do que lembra que tiña xa financiamento comprometido pola Xunta de Galicia e que "non pode avanzar ata que o goberno local dea unha ubicación para a súa construcción". Este proxecto ten case 7 millóns de euros postos a disposición pola Xunta nos orzamentos de 2018.
Na súa opinión, a depuradora é "un síntoma máis" dun equipo de goberno "con moitos problemas" que opta por non facer nada ou non sabe como actuar. Outro exemplo sería o proxecto das sendas peonís e ciclistas na estrada PO-308, no que "o alcalde mentiu durante máis dun ano dicindo que tiña os terreos, que os ía poñer a disposición da Xunta ata que finalmente lle descubriron a mentira".
No catálogo de proxectos "entorpecidos polo bipartito", Moldes tamén inclúe as beirarrúas de Campelo, outro proxecto histórico que desde o goberno de Poio escusaban nun suposto boicot da Deputación gobernada polo PP e que agora segue sen executarse a pesar de que o goberno provincial ten a mesma cor política BNG-PSOE.
A fallida ampliación de Anafáns, a "incapacidade" de aprobar un novo PXOM despois de gastar máis de 300.000 euros na empresa redactora e de pagar asesores e un concelleiro en dedicación exclusiva e a perda dunha subvención de máis dun millón e medio de euros da Deputación por incumprir as bases son outros dos exemplos facilitados por Ángel Moldes.
Ángel Moldes pediu ao equipo de goberno que "intenten rematar a lexislatura como poidan pero eviten seguir facendo o ridículo" perdendo e obstaculizando subvencións e investimentos: "Estamos ante un ciclo esgotado, un goberno que probablemente sexa o peor da historia democrática de Poio. Un goberno que en vez de conseguir melloras para Poio, as perde", engadiu.