35.000 euros para a posta en valor de dúas pontes do século XVI en Cerdedo-Cotobade
Por Redacción
A Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) investirá 35.000 euros na restauración das pontes de Almofrei e San Lourenzo, que datan do século XVI e están situadas no concello pontevedrés de Cerdedo-Cotobade.
Segundo informou a Consellería do Medio Rural, da que depende Agader, o director xeral deste organismo público, Miguel Pérez Dubois, supervisou este luns as dúas actuacións, que buscan garantir a permanencia no tempo destas dúas pontes mediante a adecuada conservación e protección, consolidando a súa estrutura, estabilizando os procesos de deterioro e minimizando o risco de alteracións físico-químicas.
As dúas pontes, incluídas no Inventario de Pontes Históricas de Galicia, de 1989, da Xunta de Galicia, son de tradición construtiva medieval e son infraestruturas de paso para os veciños da contorna. Constitúen, ademais, un atractivo turístico, polo que se considera de interese o seu correcto mantemento cara o futuro.
A Ponte Almofrei recibe o nome do río que salva e a de San Lourenzo, situada entre o antigo concello de Cotobade e o da Lama, permite o cruzamento do río Barbeira. Antigamente, por esta última ponte pasaba un camiño de defuntos.