Comezan as obras de rehabilitación da Ponte de Almofrei
Por Oskar Viéitez
As obras de rehabilitación, acondicionamento e consolidación da histórica Ponte de Almofrei veñen de comezar e desenvolveranse durante as vindeiras semanas co obxectivo de garantir a estrutura e a seguridade deste emblemático punto de paso do século XVI.
Esta actuación era unha prioridade para o goberno local, tras detectar que o paso do tempo e a forza das augas deterioraran esta ponte, un dos grandes símbolos do patrimonio do municipio.
Tras obter a autorización da Dirección Xeral de Patrimonio e pechar co goberno galego unha partida de 35.000 euros para esta ponte e a de San Lourenzo, comezaron os traballos na infraestrutura de Almofrei.
A Ponte de Almofrei está situada nun val moi estreito difícil de salvar e por iso se construiu, hai preto de 500 anos, cun só ollo nunha das zonas con menos pendente. Este paso, que unía as localidades de Almofrei e Mirón, posiblemente fora reformado no século XVIII e serviu de ruta de arrieiros desde as terras do sur. A infraestrutura, construída en sillería de granito suxeita sobre grandes rochas, presenta un arco con case 8 metros de luz e 10 de altura.
TERAPIAS ASISTIDAS CON ANIMAIS
O consistorio de Carballedo vai acoller este sábado, 2 de decembro, un novo módulo do Curso de Técnico Especialista en Terapias Asistidas con Animais, que se está a desenvolver desde o pasado outubro e que abordará, por vez primeira en Galicia, o tratamento con especies exóticas.
Esta actividade formativa, que vén avalada pola Universidade de Santiago de Compostela (USC), vai ser impartida polos técnicos da entidade cotobadesa Asociación Educativa y Cultural Animales del Mundo (Aecam).
Unha trintena de persoas procedentes de toda Galicia, que participan nesta iniciativa desde outubro, recibirán a formación no consistorio.