O Colectivo Ecoloxista do Salnés denuncia os danos causados por Sanxenxo nas dunas de Baltar
Por Oskar Viéitez
O Colectivo Ecoloxista do Salnés denuncia os danos causados pola maquinaria pesada que instalou as novas luminarias do paseo de madeira, o impacto provocado pola carreira cros na que participaron un milleiro de escolares así como as rozas levadas a cabo por un tractor neste espazo protexido.
Sinalan que dende o Concello de Sanxenxo "levan máis dunha década desbrozando de forma indiscriminada e con maquinaria pesada o sistema dunar de Baltar".
"A franxa desbrozada foise ensanchando co paso dos anos, ata ocupar uns oito metros de ancho paralelamente ao paseo. Grazas a estes desbroces fóronse expandindo especies nitrófilas non propias das dunas e tamén o gramón, especie fortemente invasora, ademais de contribuír a compactar máis o terreo nunha zona xa degradada", explican. Os desbroces afectan tamén á zona rexenerada no ano 2007 por Costas.
O Colectivo Ecoloxista do Salnés vai denunciar a situación de "impactos constantes" sobre as dunas ante ao Servizo de Costas e a Consellería de Medio Ambiente, para esixir que se cumpra a lexislación de especies invasoras "e se afronte dunha vez por todas a rexeneración deste espazo".
NOVAS LUMINARIAS
Esta semana terminaron os axustes da reposición dos proxectores de luz pública no paseo de Baltar. Actuación que foi posible grazas ao convenio, asinado o pasado mes de setembro, por un valor de 49.900 euros, durante unha visita do vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, a Sanxenxo.
O cambio supoñerá un aforro de 5.000 euros anuais no consumo eléctrico, unha maior eficacia luminosa, así como unha maior uniformidade nas zonas de paseo para evitar deslumbramentos.
Relacionadas:
-
109 alumnos do IES de Sanxenxo participan no proxecto de educación ambiental 'Coidemos as nosas dunas'
-
Ecoloxistas alertan de que o bosque de ribeira do Umia "leva anos soportando diversos impactos que o alteran"
Por Redacción |
-
O paseo de Baltar terá novas luminarias nos próximos días
Por Redacción |