Cinco empresas externas redactarán proxectos de mobilidade para a Deputación
Por Redacción
Atender o alto volume de traballo do servizo e reducir o gasto da Deputación en asistencias técnicas. Con ese dobre obxectivo, o goberno provincial acordou contratar a cinco empresas para redactar os proxectos técnicos para o departamento de Mobilidade, responsable da rede de estradas provinciais de Pontevedra.
Ata o de agora, ao non dispor de persoal suficiente para cubrir as necesidades, a institución provincial xa viña contratando os traballos de redacción de proxectos de xeito externo e forma individual, iniciando un procedemento aberto para cada unha das obras sen ningún tipo de límite no custe.
Co fin de organizar e rebaixar o importe destes traballos, a dirección de Mobilidade decidiu abrir unha convocatoria para crear un contrato marco no que as empresas presentasen as súas mellores ofertas para cinco tipos de proxecto-base diferentes, segundo o prezo de execución material previsto para cada obra.
A este contrato presentáronse 23 empresas e as que formularon as mellores propostas económicas foron Galaicontrol SL, Proyestegal SL, Novotec Consultores SA, Estudio Técnico Gallego SA, e Ain Active SLU.
A partir de agora, o departamento de Mobilidade dirixirase a estas firmas que subscribiron o acordo detallando as especificacións para cada servizo requirido. Licitarase cada proxecto de forma individualizada e a que presente a proposta máis económica será a adxudicataria.
Así, para redactar proxectos de execución material (PEM) estimado de ata 200.000 euros a Deputación pagará un máximo de 6.655 euros; os proxectos de PEM estimado de ata 400.000 euros estarán taxados nun máximo de 11.616 euros; nos proxectos de PEM aproximado de 600.000 euros o importe máximo será 14.579 euros; nos proxectos de PEM aproximado ata un millón de euros o importe será de 17.976 euros; e finalmente, para a redacción de proxectos de PEM estimado ata dous millóns de euros o custe non superará os 26.964 euros.
Ao tratarse dun acordo marco, non se pode determinar o gasto concreto dos servizos, xa que irá en función da súa necesidade, pero a estimación para a anualidade de 2018 é de 300.000 euros.
"Dentro da Estratexia de Mobilidade 3.0 hai obras previstas de grande relevancia e tamén menores, mais para que este pulo na mellora da rede provincial sexa unha realidade é preciso redactar os proxectos técnicos e así proceder á súa execución", destacou o deputado de Mobilidade, Uxío Benítez.
Engadiu que estes labores "requiren dun grande esforzo por parte do persoal técnico do servizo de Mobilidade e, dada a insuficiencia de persoal asignado a estas funcións, resulta necesario contratar asistencias técnicas co fin de colaborar neste tipo de traballos".