A Deputación adxudicará o contrato dun novo servizo de padrón municipal
Por Oskar Viéitez
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, informou que "está a piques de adxudicarse" o contrato dun novo servizo de padrón municipal de habitantes que e permitirá aos concellos mellorar a xestión municipal.
Segundo Silva, os traballadores da institución provincial viñan detectando nos concellos unha grande variedade de solucións implantadas para a xestión do padrón municipal que contaban con "grandes carencias", xa que se trataban de "solucións desfasadas tecnoloxicamente", cun mantemento ou soporte "incorrecto" e que non estaban integradas na sede electrónica.
Deste xeito, o novo servizo de padrón municipal, ao que a Deputación destina medio millón de euros, prestarase a través da nube, garantindo a dispoñibilidade e seguridade do servizo e evitando que afronten un gasto innecesario na infraestrutura hardware ou software.
Canto remate o proceso de adxudicación terá lugar unha presentación para os concellos da provincia na que tamén se dará a coñecer os resultados da administración electrónica e outro servizo que a Deputación vai poñer en marcha de impresión e dixitalización de documentos.
A continuación, abrirase un prazo para que os concellos que estean interesados soliciten a súa adhesión ao servizo e comezará a implantación do padrón, migrando os datos na aplicación actual e integrando o padrón coa sede electrónica dos concellos, "o que permitirá, entre outras cuestións, que a cidadanía poida pedir certificados de empadronamento sen pisar o concello, desde as súas casas", indicou Silva.
O novo servizo do padrón municipal inclúe tamén formación a través de cursos nos concellos para as persoas encargadas da súa xestión e oferta un soporte para resolver as consultas e incidencias da cidadanía por vía telefónica ou telemática.
Ademais, tamén se inclúe o mantemento correctivo e evolutivo que permitirá corrixir erros e poñer en marcha novas funcionalidades.