A fin de semana ven chea de magostos no concello de Poio
Por Redacción
A pesar de que a noite máis terrorífica do ano xa pasou, o Samaín segue a ser protagonista da oferta cultural e de lecer no Concello de Poio. Este venres 3 de novembro ponse punto e final á programación co obradoiro de música, que permitirá ao público asistente demostrar a seu enxeño e aptitude para a música con moitas sorpresas. Será a partir das 18:00 horas na Praza da Granxa.
A literatura, a música, o patrimonio e os magostos populares ocuparán, tamén, os diferentes espazos da axenda cultural. O sábado 4 de novembro a cita é coa escritora poiense, Tamara Andrés, que vai presentar, acompañada do director da Editorial Galaxia e da concelleira de Cultura, a súa nova obra, "Corpo de Antiochía", no Casal de Ferreirós ás 20:00 horas.
Á mesma hora dará comezo o tradicional magosto que organiza a AVCeD Lourido, no Parque de Costa Giráldez. Haberá castañas, viño e música de balde.
Campelo e Sartal collerán o testigo na xornada do domingo 5. A partir das 17:30 horas, prenderán lume e asarán castañas para repartiren, de balde, entre as persoas que queiran acompañalos. Na Praza da Granxa a música correrá a cargo do Trío Azabache, namentres que no Local Social do Sartal serán as pandereteiras de Ronsel, entidade organizadora, quen deleiten aos asistentes cunhas pezas tradicionais.
E como hai opcións para todos os gustos, aqueles que non queiran castañas e prefiren falar de patrimonio, lingua e natureza, tamén teñen o seu espazo. Rematadas as visitas teatralizadas para os colexios públicos do Concello, "Dinamiza Poio" volve abrir as portas da Casa Museo Colón e do Bosque das Sequoias ás familias e o público xeral. As prazas ofertadas para esta primeira xornada do domingo 5 xa están cubertas, polo que dende a Concellería de Cultura, que dirixe Lidia Salgueiro, poñen a disposición do público dúas novas datas, o 25 e 26 de novembro.
As persoas interesadas en participar poden anotarse inscribíndose no correo (leceractivo@concellopio.gal). A actividade é de balde.